Pregón do 2001 - Paloma Díaz Andina

PREGÓN DA XIRA DE SANTA CRUZ 2001 - Paloma Díaz Andina

Paloma Díaz Andina

 

Nada en Ribadeo en 1964.

Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC en 1990. Guionista en diversas canles de TV, fixo tamén adaptacións para doblaxe e traduccións ó galego para diferentes medios de comunicación. Ten publicado varios libros, especialmente de poemas, e mesmo foi distinguida cos Premios Nacionais de  Poesía “Gloria Fuertes” en 1978 e “Xosé María Pérez Parallé” no 2000.

 

Boas tardes a tódolos presentes, veciñas e veciños de Ribadeo, amigas e amigos, a todas aquelas persoas que nos visitan repetidamente, porque que vén a Ribadeo, sempre recunca na fermosura da nosa paisaxe e no carácter amable das nosas xentes.

 

É un grande honor para min, coma ribadense que son, facer este pregón de principio de século e milenio. Porque todo o que nace vén colmado de ilusións e de esperanzas. Arestora témo-la responsabilidade de inventa-lo presente ó ritmo dunha realidade en continuo movemento. Mais tamén o presente reclama un edificio vital diferente onde asenta-lo futuro, sen esquece-los cimentos que deixaron coma legado tantas e tantas persoas, que ó longo do tempo, traballaron á procura dunha calidade de vida mellor e compartida, contribuíndo co seu labor a facer deste mundo un lugar máis habitable.

 

Quizais a coxuntura temporal na que nos atopamos, o novo milenio, sirva de estímulo para redefini-lo concepto de humanidade, profundar nel, e trasladalo ó noso comportamento cotián. Quizais un día tódolos seres que poboámo-lo planeta, poidamos convivir instalados na dignidade, independentemente da condición que posuamos. Polo mero feito de existir.

 

Dito isto, agradezo fondamente a AMIGOS DA GAITA a posibilidade que me outorgan de colaborar nesta homenaxe ó gaiteiro de pedra, imaxe que dende hai trinta e seis anos preside o monte de Santa Cruz, berce de sementes novas e ancestrais raíces que fan desta paraxe un espacio irrepetible.

 

Moitos foron os sentimentos que me embargaron cando comecei a escribir este pregón. O primeiro deles semellante á sensación que temos todos cando nos botan ó mundo e unha realidade ignota espétase na pel. Daquela sentímonos nus, e un arreguizo inédito sacude o noso corpo todo, coma o vento abanea as árbores na cerna dunha tempestade inesperada. É a vertixe ante o descoñecido, que remata coa primeira palabra pousada no papel en branco. De súpeto, a alma ponse en pé e inicia unha andaina polos camiños da nenez.

 

As primeiras raiolas do verán traen no colo da memoria, a caricia do nordés pendurada no recendo da terra húmida, a densa lentura do abrente a traza-la liña que une Mirasol con Porcillán, o son da gaita percorrendo as ruelas engalanadas de festa, o sabor da empanada acabada de facer. Todos eles retallos dunha lembranza agora presente. 

 

Teño que dicirvos unha cousa: hai anos que vivo fóra de Ribadeo, mais sempre acordo preto deste mesmo mar que ansío e levo dentro, xunta o verdecer dunha costa ataviada de brétemas, nebulosas doncelas que espertan cada amencer limpando no ceo con panos de seda, para que ó chega-la mañanciña, o sol brille con máis forza. Auga e terra, terra e auga mestúranse neste recanto do Cantábrico, nun aceno afortunado e caprichoso da natureza.

 

Cando mañá subamos ó monte de Santa Cruz, poderemos albiscar dende o seu cume as doces entrañas do Río Eo verténdose no manso regazo da Ría, para logo se alzar en ondas, que de tanta beleza contida, estalan salvaxes nos labios do mar aberto. Mañá, os elementos minerais, vexetais e animais que reinan no monte entoarán un novo canto, namentres o gaiteiro de pedra, o noso gaiteiro, co fol ateigado de notas, tanxerá unha sorte de melodía máxica: a harmonía da mestizaxe. E nós acudiremos enfeitizados e xuntos, coa bagaxe da sabedoría popular, ó templo que a natureza nos brinda.

 

Mañá celebraremos un ano máis a romaría de Santa Cruz. Xantaremos e beberemos ledos, sen pranto que enturbie dende o ceo ou dende a mente, a algueirada que nos agarda. Que a felicidade prenda por sempre na vosa vida, coma a beleza prendeu un día nesta terra que hoxe nos dá morada. Porque sei que levades coma min Ribadeo na alma.

 

PALOMA DÍAZ ANDINA

 

Ribadeo, xullo do 2001