Pregón do 2008 - Eduardo Gutiérrez

 

Eduardo Gutiérrez Fernández

 

Nado en Ribadeo en 1948.

Rematou Maxisterio e entrou a formar parte do grupo de Extensión Agraria no que fixo unha importante labor cultural en toda a bisbarra; presidiu a Agrupación Cultural Francisco Lanza perante moitos anos e participou no proceso de creación da Federación de Asociacións Culturais Galegas, da que foi o seu primeiro presidente. Alcalde de Ribadeo de 1987 a 1995 e logo Deputado Provincial ata que no ano 1997 resultou eleito Deputado para o Parlamento Galego no que permaneceu ata 2005. Autor de limiares para importantes obras, participou tamén en varias publicacións colectivas. Pronunciou conferencias en diversos lugares de Galicia, do Estado e tamén no estranxeiro. Mantén unha columna no xornal El Progreso e colabora asiduamente no semanario La Comarca del Eo e en outros xornais e revistas. Na actualidade é profesor no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal “Pedro Murias”.

 

Á hora de cumprir co compromiso de pronunciar o Pregón da Xira son moitas as posibilidades que se me oferecen, naturalmente excluindo as de tecer o eloxio da festa en versos propios, xa que non é ese o eido axeitado para que quen lles fala se mova con soltura, ainda que si o é o de pedir prestados os poemas de outros e  particularmente de aqueles que glosaron e enalteceron o instrumento musical que singulariza a Xira e que preside o monte da man do pétreo gaiteiro de traza románica.

 

Pero non só me refiro a Rosalía de Castro ou Curros Enríquez cos seus impares A Gaita Galega e O gueiteiro, senón a figuras mais recentes, ainda que clásicas e que dedicaron liñas a esta festa e aos seus creadores e promotores, como é o caso de Eduardo Blanco-Amor a quen, ainda que xa lera, coñecin un dia de 1974 con ocasión da inauguración da Corredoira dedicada aos irmáns Suárez Couto.

 

Naquela xa lonxana ocasión o semanario La Comarca recollía artículos do grande escritor ourensán, de Alvaro Cunqueiro, de Valentín Paz-Andrade e mesmo un breve poema de Celso Emilio Ferreiro dedicado aos irmáns Carlos e Amando Suárez Couto, verdadeiros artífices da Xira, do Monumento ao Gaiteiro Galego e, no caso de Amando, do grupo de gaiteiras Saudade, aquel orixinal e singular conxunto ao que me gostaria hoxe citar aquí coma modesta homenaxe, porque o seu vencello coa Xira a Santa Cruz é evidente. Sobre Saudade chegou a escreber un breve artículo, en 1963 nada menos que Vicente Risco.

 

A nosa é unha vila realmente prudente e mesurada á hora de exteriorizar os seus afectos, pero ten unha querencia polo pasado que quizais significa aprazar o agarimo até que o paso do tempo sexa quen de obxectivar os xuizos e peneirar as vaidades. E por iso esta cita sobre o grupo Saudade e desde logo sobre Amando Suárez Couto, cuxo orixinal galeguismo callou antes da guerra no Coro Cantigas da Mariña, na súa enxebre pintura que Evaristo Correa Calderón calificou de “arte racial”, e na Biblioteca Popular Circulante.

 

As de posguerra acreditan un pragmatismo obrigado –dadas as circunstancias--, pero que nunca perde nen o acento, nen a emoción nen o sentimento galegos e, velaí a Xira a Santa Cruz, o Monumento ao Gaiteiro e a fundación do grupo de gaitas Saudade, aparte claro do seu activismo a prol da Biblioteca El Viejo Pancho.

 

E con isto entramos, sen chave e de esguello, naquel eido que a un lle pode resultar máis doado e que intentarei que a vostedes lles resulte menos plúmbeo: o da historia, ou case mellor o da pre-historia no sentido figurado. Así –se me permiten a brincadeira--, evitarei esa parte da historia que para algúns precisaria aquela especie de disculpa de “a historia absolverame”. Acollereime pois a esa outra máxima tan ribadense, por universal, que sinala que “os camiños do Señor son inescrutables”.

 

Sempre houbo xiras e o termo vai asociado ao campestre; mesmo baixo o acobillo deste tipo de excursións con xantar facianse reunións de tipo político a finais do século XIX e comezos do XX por parte de organizacións obreiras, particularmente anarquistas. Non é desde logo o caso de Ribadeo, que nós saibamos, pero si que tiñan lugar xiras de pouco recorrido, por exemplo ao Xardin daquela totalmente nas aforas da vila, e mesmo verbenas nos Canapés, aparte naturalmente das xiras ou paseos marítimos tan propios do que logo se chamou Belle Epoque. Mesmo nalgunha ocasión producíronse alborotos que logo eran recollidos e magnificados pola prensa local.

 

Pero isto nada ten a ver con Santa Cruz, onde se facian romaxes desde antigo; o propio Suárez Couto ten un cadro titulado Romaxe en Santa Cruz pintado en 1902.

 

Mais recuando no tempo moito menos, a festa consistia fundamentalmente en subir ao monte a pé, cargando coas bolsas e cestas que contñan o xantar, disfrutar do dia, da paisaxe e da compaña e baixar á noitiña. En boa medida tiña unha componente familiar, xa hai tempo moi amingoada e substituida polos grupos ou pandillas de xente nova. O que realmente permanece e caracteriza a celebración é a gaita e todo o que ela significa, e mesmo un fermoso monumento ao gaiteiro galego obra de Faílde.

 

Pero xunto coa homenaxe aos irmáns Suárez Couto, á que antes nos referimos, hai outros dous fitos na historia da Xira: o primeiro a inauguración do Monumento ao Gaiteiro Galego. Que cada quen percure nas súas lembranzas aqueles dias, se chega a eles, ou na comemoración da efeméride 25 anos despois.

 

Na gaveta da miña memoria mestúrase a realidade de aquel dia de agosto de 1965, cunha engaiolante película de Carlos Díaz Suárez que vin moito despois, onde aparece o ministro de Información e Turismo, a Coral Polifónica de Ribadeo e o tenor Manuel Cortés recitando con estentórea voz O Gueiteiro de Curros Enríquez. Pero o que si teño por certo é que acudin á comemoración dos vinte e cinco anos, xa como Alcalde; pero isto, ainda que comeza xa a ser distante, imos omitilo porque para mirar o presente ou o recente, ás veces compre unha peneira, un cendal, mentras que ao pasado podémonos asomar sen lentes de sol.

 

E xa que en vivencias andamos, debo sinalar que, ocupando quen lles fala un posto directivo na Agrupación Cultural Francisco Lanza recibimos de mans do Dr. Mario López Durá e outros ditrectivos de Amigos da Gaita o encargo de facernos cargo da Xira, sequer transitoriamente, cousa que aceptamos levados por ese ímpeto xuvenil tan característico de aquel tempo.

 

Aquela xente, pasounos información, dados de todo tipo, enderezos, o guión para as xestións ineludibles, etc. pero, ademais, con grande sorpresa pola nosa parte, unha especie de caixón que contiña todo un xogo de pratos fontes e cuberteria varia ou sexa a menaxe para montar a mesa oficial na que non só se sentaban as forzas vivas, senón tamén os propios integrantes dos grupos de gaiteiros que acudian á festa. Algúns non viron con bos ollos o cambio producido, isto é a substitución das cadeiras polo enxebre chan á sombra dos piñeiros, mais para nós tiña o mesmo carácter enxebrizador que para os nosos predecesores prescindir do clarinete nos grupos de gaitas. Curiosamente , os únicos que chiaron foron os gaiteiros.

 

Afortunadamente non foi o único cambio: introduciuse o uso do galego na cartelaria e mellorouse esta adoptando unha nova estética; ademais encheuse o monte de bandeiras galegas; isto é, o que hoxe é normal e hai un cuarto de século unha 'excepción', substantivo por certo que viña de ser moi utilizado nos anos imediatamente anteriores. Lembremos o ano: 1977, ou sexa un antes da Constitución, dous antes dos primeiros concellos democráticos e catro antes do Estatuto de Autonomía de Galiza e engadamos tamén que –naquela barafusta--, a primeira felicitación pola prestada organización da Xira procedeu da Sociedade de Amigos da Gaita. Por iso falaba eu antes de “prehistoria”.

 

Eu creo que a festa callou moi fondo en Ribadeo desde hai xa varias xeracións, e resulta moi dificil non atopar algún retallo biográfico propio vencellado á festa de algun xeito: as lembranzas de neno co asombro do estrondo de gaitas, foguetes e moitedumes, o balbordo na época xuvenil con ribetes de festa lúdica total e as calidades musicais dos concorrentes en bailes e músicas xa de maiores, ou a escolma de eloxios literarios tecidos ao longo de tantos anos por prumas propias e alleas, porque o lugar é realmente paradisiaco, pola paisaxe que desde esta atalaia se divisa e, tamén, polo simbolismo inherente a todos os cumes que dominan vales e vilas,  humanizados desde hai séculos como demostra a capela que aquí se ubica, aparte da cruz.

 

Por iso, cando o 28 de xuño de 1936 foi submetido a plebiscito o primeiro Estatuto de Autonomía, as organizacións do vello Partido Galeguista de toda Galiza decidiron acender fachos e fogueiras comemorativas nosmontes e curutos de todo o país. A organización de Ribadeo elexiu o lugar máis simbólico e emblemático para  que fora divisada desde toda a ribeira: Santa Cruz. Aquela labarada de esperanza frustrouse e tiveron que pasar moitos anos para recuperala. Pero hoxe as nosas miradas diríxense cara aló durante todo o ano e tripan aquel cume o primeiro domingo de agosto para que a lediza nos asolague a todos arrolada polas gaitas como fondo dos cantares, foguetes e xantares.

 

Os costumes van cambiando segundo avanza o tempo, pero en Santa Cruz mantense o esencial para que a cita perviva: unha organización como é Amigos da Gaita que terma dela, a Sociedade do Monte que o coida, e a paisaxe, o ambiente, a música e o baile propios. E debo rematar facendo o panexírico non só da Xira no seu aspecto lúdico –que tamén--, senón na tarefa de dignificación da nosa música popular, dos seus ancestrais  instrumentos de gaita e percusión e tamén da vestimenta enxebre. Aqueles porque nos acompañan desde tempos medievais aledando os momentos de lecer dos nosos ancestros e os segundos quizais recreados e idealizados posteriormente, pero desde logo tamén moi vencellados a Ribadeo e non hai mais que acudir á pintura de Fierros para aprezalo.

 

E esa liña continuou co depurado vestiario co que outro pintor, Suárez Couto, dotou ao temperán Coro Cantigas da Mariña, e se houbera que continuar sinalando fitos o primeiro grupo feminino de gaitas e un Instituto que contou cunha tuna composta por gaiteiros e danzantes, no canto de guitarras e laúdes.

 

Señoras e señores: para os precursores a nosa lembranza, para os seguidores e epígonos a nosa homenaxe, para os que continúan no labor a nosa felicitación e para os que manán suban a Santa Cruz, azos. Saúde para todos e moitas grazas.

 

Ribadeo, 2 de agosto de 2008

 

Eduardo Gutiérrez

{youtube}8ZXZkUo2mck{/youtube}

 

{youtube}93Gmz7QEHQ8{/youtube}
 
{youtube}cDpX3jx4MpA{/youtube}
 
{youtube}GA4W3FpOjUU{/youtube}
 
 

{gallery}p2008{/gallery}