Pregón do 2012 - Susana Seivane

Susana SeivaneQueridísimos ribadenses, gaiteiros e gaiteiras!

 

   Estou encantada de estar aquí en Ribadeo, nesta ría que nos une coa veciña Asturies, augas que veñen de terras de bós gaiteiros, como os da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e toda a cunca dende o nacemento en Fonteo á desenvocadura aquí en Ribadeo.

 

   É un grandísimo honor que tiverades pensado en min como pregoeira desta fermosísima festa! Unha festa que encerra en sí tanta constancia, tanto sentimento e tanto amor pola nosa cultura e as nosas tradicións. Unha festa que é toda unha exaltación ó noso instrumento rei, ó símbolo dun país, á nosa gaita galega.

 

   A tradición. Palabra tan importante na que moitas veces non reparamos o suficiente porque, que sería dun pobo sen a tradición? As nosas raíces son as que nos fan ser diferentes, únicos, as que nos fan ter unha idiosincrasia. Algo tan  extraordinario como é ter unha identidade. Esta identidade é a que levades festexando con tanto orgullo a Asociación Amigos da Gaita Galega e transmitindo a través das escolas, fomentando o amor pola nosa cultura musical e traballando para que as novas xeracións non a esquezan e a manteñan viva, un traballo no que todos deberiamos implicarnos, tal e como fixeron os seus fundadores, os irmáns Couto, hai xa 50 anos!

 

   A tradición é algo moi importante na miña familia. Meu avó, Xosé Manuel Seivane,  construíu a súa primeira gaita no ano 39, nun momento no que, seguramente, o que menos importaba fose a nosa cultura e moita xente sentía indiferencia polo noso. Pero o que non imaxinaban por aquel entón, era que estaban a vivir un momento de gran rexurdir e que anos despois veríanse os froitos. Meu avó pelexou e creu no seu soño. Creo que todos na miña familia nacemos con ese sentimento no sangue, porque con iso nácese, aínda que despois haxa que seguilo mimando e coidando.

 

   Ese soño sóubollo transmitir moi ben ós seus fillos, ó meu pai e ós meus tíos, que posteriormente seguiron coa tradición da fabricación de gaitas. Tamén llo soubo transmitir moi ben a unha terceira xeración, á que eu pertenzo, e a unha cuarta que ven pegando moi forte. Gracias a xente coma el e gracias a xente como a da Asociación Amigos da Gaita, hoxe en día o noso emblemático instrumento goza de tan boa saúde, tendo unha repercusión e un recoñecemento internacional fóra de toda dúbida. Eles sempre tiveron o desexo de dignificar a gaita e levala ás máis altas esferas da música, ó máximo nivel de valoración. E conseguírono. Hoxe en día a gaita é a protagonista dos máis prestixiosos festivais a nivel mundial. 

   Eu, como muller gaiteira que son, non podería deixar de falarvos do papel tan importante que tivo a muller na nosa música. E precisamente foi aquí, en Ribadeo, onde nos anos 60 e da man do gaiteiro Primitivo Díaz, naceu un grupo de gaitas formado só por mulleres. Foron as primeiras das que se teñen constancia en Galicia, en España e posiblemente das primeiras en Europa. É como para sentirse orgullosa e así o teño manifestado en moitas das miñas entrevistas!

   Gustaríame citar a estas sete importantes gaiteiras, que comezaron neste grupo chamado “As meniñas de Saudade”, completándose despois con máis meniñas. 

   Elas foron: Teresa Amor, María Dolores Ponte, Elena Fernández, Mª Carmen Carnota, Conchita Redondo, María Cubero e Teresa Rodríguez. 

Unha das primeiras cousas importantes que fixeron estas mozas foi facer de modelos, si, si, así como volo conto! 

   Foi para un cadro do pintor e fundador de Amigos da Gaita, Amando Suárez. Os cartos que conseguiron, serviron para financiar o monumento ó Gaiteiro erexido en Santa Cruz. Cando eu era ben pequena meu avó faloume destas meniñas como algo extraordinario daquela época, todo o mundo, todos os gaiteiros falaban e querían ver ás gaiteiras de Ribadeo! El foinas ver a propósito a unha actuación que tiñan nas festas do San Froilán!

 

   Hoxe festexamos o 50 aniversario da Asociación Amigos da Gaita Galega e un ano máis da Xira de Santa Cruz, unha festa á que viñen coa miña gaitiña hai xa uns.... pouquiños anos... cando eu tiña catro ou cinco! Fun cos meus pais, cos meus avós e meus tíos, invitados por un gran gaiteiro e gran impulsor da nosa música, amigo da miña familia, Daniel Rodríguez Saavedra.

   Nestes tempos de crise, o que nunca poderán recortarnos será precisamente iso, o querer pola nosa música, polas nosas tradicións, polo noso idioma, pola nosa cultura, pola nosa identidade. Así que, bailade, ride, cantade, tocade e sentídevos orgullosos de todo este riquísimo patrimonio que tivemos a grandísima sorte de herdar.

 

   Disfrutade deste día e que sexan moitos anos máis, polo menos outros 50!

 

   Viva a Asociación Amigos da Gaita Galega!

   Viva a Xira de Santa Cruz!

   E como non, viva a Gaita Galega!

 

  

Susana Seivane

{youtube}l_mvOvPfbGU{/youtube}